Tuesday, May 30, 2006

episteme vs. doxa

O 29 de maio de 2006, pasadas as 21.30h, entrei na cociña na busca de algo co que poder preparar a miña cea. Segundo entrei pola porta, comecei a sentir arrepíos, sentínme voltar un lobishome, sentín como dende o máis profundo do meu ser saía o meu lado máis lordi, ao recoñecer a emisora que miña nai estaba a escoitar (que conste que tamén escoita a SER), ao recoñecer a voz do comentarista e ao escoitar os temas que estaban a tratar. Por que sorprenderse?
Dito sexa de paso, xornalismo é a transmisión de novas narradas a través dun xeito imparcial, o cal; donas e cabaleiros; goste ou non, implica a ausenza de ideas subxectivas que abranguen todas aquelas ideas de índole persoal, política, relixiosa, cultural ou moral que deformen ou terxiversen a realidade ou os feitos. Quizabes sexa pedirmos demasiado.
A temática viraba ao redor do catalán, o galego e o asturiano. No caso do catalán, tratábase dunha iniciativa de
ERC, que pedía que os traballadores de trens que viaxan a Cataluña aprendan o catalán para se poder comunicar co resto de traballadores falantes de catalán. Acaso había isto acurtar as vidas daqueles traballadores que aprendesen catalán? Non se verían máis ben enriquecidas? Lembren que, quizais, aos viaxeiros destas liñas e que son catalán-falantes habían tamén agradecer o feito de se poder dirixir aos traballadores sen ter que cambiar de lingua.
No tocante ao galego, o comentarista radiofónico chamaba a atención ante a intención que ten a
Xunta de que no futuro estatuto se inclúa a obriga do coñecemento da nosa lingua, ao carón do xa existente dereito á coñecer. Semella que esta persoa descoñece bastante a nosa realidade, e a situación á cal se enfrontan milleiros de falantes que empregan o galego como lingua de comunicación, e os cales, a miúdo, ven mermados os seus dereitos ao pretenderen facer uso do galego en tódolos ámbitos da súa vida cotiá; por exemplo, o sonado caso dun contrato no que a parte redactora do contrato se negaba a redactalo en galego, como así o desexaba e requería o asinante, por dicir, descoñecelo.
Se isto puider parecer xa pouco, o comentarista ousou aventurarse na categorización do bable coma un dialecto do español. O ataque ao asturiano viuse motivado por unha iniciativa presentada por un grupo político asturiano que solicita o recoñecemento do asturiano no estatuto do principado coma lingua oficial.
Ben, o xa mentado comentarista chegou a afirmar que o bable é un dialecto do español. Para chegar a emitir tales comentarios carentes de obxectividade e rigor científico, o falante baseouse na súa experiencia persoal, dicindo que nas cidades de
Asturias o que a xente fala é un dialecto do español, que o único que ten de particular é unha lixeira entoación e presenza do sufixo diminutivo -ín.
Eu persoalmente, como filólogo e como neto dun asturiano que se viu obrigado a se refuxiar no
Bierzo por mor de ter sido acusado de roxo, véñome interesando pola realidade social, cultural e lingüística de Asturias dende a miña adolescencia, a través dos escasos contactos coa póla da miña árbore xenealóxica de orixe asturiana e a través da Internet, que me permitiu acceder a información lingüística sobre o astur-leonés, así como entrar en comunicación con asturianos.
Ao falante desta emisora direille que antes de categorizar, hai que saber diferenciar o bable ou astur-leonés, do dialecto asturiano do español. De seguro que o que el escoitou falar nesas cidades foi o dialecto asturiano do español, mais se fose un chisco máis observador, habíase dar de conta de que nese dialecto subxacen características lingüísticas que apuntan a un substrato asturiano. O mesmo paralelo podemos establecer no español falado na Galiza ou no inglés que falan os irlandeses, que agochan un substrato galego e gaélico, respectivamente.
Cuns poucos coñecementos de lingüística pódese percibir a situación de forte
diglosia que existe onde dúas linguas entran en conflicto. No caso do asturiano esta foi moito máis forte que no galego, sendo asimilado o español moito antes, en detrimento da lingua autóctona.
Ao escoitar como esta persoa calificaba o asturiano como dialecto, a miña mente comezou a establecer ligazóns; co pensamento contra o cal loitou o
Padre Sarmiento, e coa persecución da riqueza lingüística feita polos franquistas, que xa viña de lonxe; e, tamén, cos rancios manuais de lingua española cos que tiven que facer o bacharelato e o COU, cos que nunca estiven de acordo, e moito menos agora despois de ter cursado materias de lingüística.
Saiba esta persoa, que incluso os rancios manuais de lingua española consideran o astur-leonés coma un dialecto do latín, que hoxe en día, estando xa extinto o latín, tense que apoiar no español. Pero non din que sexa un dialecto do español.
Se esta persoa se tivese documentado amplamente, como realmente cómpre o xornalismo (serio), estaría informado de que lingüistas internacionais recollen o astur-leonés entre o inmenso número de linguas que conforman a riqueza que supoñen as linguas do mundo.
Tamén estaría ao tanto da controversia que conleva a categorización de variedades lingüísticas coma linguas, ou xogando xa con lume, coma dialectos; pois ás veces os lingüistas non se poñen de acordo en que é un dialecto nin en que é unha lingua.
E que ninguén me veña co conto ese de que unha variedade lingüística é lingua só cando existe unha gramática fixada e cando existe unha tradición literaria escrita, xa que a meirande parte das linguas do mundo non foron escritas até recentemente, ou non o son aínda hoxe; e a gramática está nos falantes da lingua, non nun libro que se chame gramática.
Outro feito, que de se ter documentado coñecería, é que o astur-leonés, na súa variedade coñecida coma
mirandés, foi recoñecido polo estado portugués como lingua co-oficial na rexión onde é falado.
Para falarmos de cousas subxectivas, mellor que o fagamos sobre teoloxía, porque para falarmos sobre lingüística cómpren métodos científicos e obxectivos, os cales son empregados por filólogos e lingüistas.

Sunday, May 21, 2006

Hard Rock Hallelujah!



E o mundo das tebras cerniuse coa súa escuridade sobre a terra...
A verdade que nunca fun fan de eventos coma o festival de Eurivisión. Paréceme unha parida na busca da canción máis hortera, da cantante feminina que máis carne amosa, ou do cantante masculino que máis aceite perde.
Oín que o xoves había semifinal. Tamén oíra falar dos fineses, como vira algunhas imaxes deles. Mais non sabía se estarían onte na final. Así que decidín botar unha ollada antes de saír da casa. Tiven a sorte de co zapping, saltarme ás Ketchup e máis a maioría de demais mariconadas. Vin a actuación dos Lordi e teño que dicir que me gustou. Pareceume bastante orixinal en comparación con todo o lixo schlager que botan normalmente nesa cocteleira chea de edulcorante artificial. E ademais, pensei para os meus adentros: "Oxalá que gañasen estes". Pero sabendo como funciona ese mundillo, tomeimo máis ben a cachondeo e pasei olimpicamente do Euro Gay(est) Song Contest.
Non sei de que coño se asusta a xente. Que pasa, que uns guedelludos non poden ir ao festival?! E o de que se son satánicos... Hai que ser bastante paifoco. Para min, a fin de contas, non deixan de ser outro produto comercial. Porque, por sorte ou por desgraza, eu teño escoitado bastante hard rock e hard core polos sitios polos que saio, e direi que non me gusta esa música, pero o dos Lordi é bastante light en comparación con moitos outros grupos. E polo menos eles curraron para buscar uns traxes e uns fogos artificiais para facer unha boa posta en escena que resultase orixinal, chamativa, e diferente!
"Hard Rock Hallelujah!"

Thursday, May 18, 2006

17-05-06 21:54h

O mércores tiven a oportunidade de asistir no porto do Náutico a un espectacular solpor como levaba tempo sen velo.
O sol comezou a agocharse tras os montes da Península do Morrazo, afundíndose nas augas do Océano Atlántico. Cando semellaba que a luz radiante do sol estaba a piques de desaparecer tras dos montes, estoupou cunha onda de amarelos e laranxas, que cos azuis, brancos e grises do ceo, convertiuse nun fermoso espectáculo de cor impresionante que impactaba a canta persoa sensible había ao redor. Resultoume tamén bastante chamativo a nube rectangular que dividía a luz dourada do solpor en dous anacos.

A vista foi moito máis espectacular en directo, o que recolleu a cámara do meu móbil é só unha parte que non lle fai xustiza.

Tuesday, May 16, 2006

o novo mans libres do mercado


Cariño, pode ser que cando me chames estea ocupada e co móbil sen volume, pero ti chama, que quitei o contestador e eu deixo o vibrador posto para que me avise das túas chamadas...

velaquí a versión guai para grupos

network error


Se queren botar un pequeno riso lascivo, entren neste web.

Wednesday, May 10, 2006

Friday, May 05, 2006



"rollo bollo" en banda deseñada


Os meus primeiros coñecementos (aínda hoxe en día bastante nulos) sobre banda deseñada gai chegaron hai xa uns cantos anos, cando vin unha entrevista en Lo+plus co debuxante Ralf König. A verdade é que me impactara bastante o look de macho duro que ghastaba o tipo, un tanto salopp e cuns jeans riscados.
Bastantes anos máis tarde un amigo que vivira unha tempada en Leipzig emprestoume algúns libros de temática lesbigai, entre eles estaban, Der Bewegte Mann e Kondom des Grauens, que me fixeron rir ata case mexarme. Un tempo despois vin o filme de Der Bewegte Mann. O König é que é a hostia.
Hai cousa duns días vin tamén outra entrevista en Cuatrosfera, na que daban a coñecer a dúas rapazas que fan o cómic lésbico Salidas de emergencia. Non sei se existen outros cómics de carácter lésbico, pero non deixa de ser un paso adiante para as lesbianas. Ademais, os seus cómics pódemolos ler todos. Quizabes os gais poidamos ver certos "paralelismos" entre o "ambiante" gai e o lésbico.

PS. Se non teñen que facer, suxírolles que pequen un cacho cun xogo no que aparecen caras coñecidas dos cómics de Ralf König.