Sunday, April 30, 2006

Born to Be Wild!


Looking for adventure achégome ata a de Zorra del Infierno (antiga Perphida). Que lle imos facer se a ela lle pon chamarse así...
Anda a limpar a cova mentres o Macho Alpha dorme na cripta ata que se poña o sol. Hedra recíbeme agarimosa restregándose contra as miñas pernas e limpándome os tenis a cabezazos. Logo aparece Lola, a que sempre bota as unllas e e os dentes ronroneando "marramiau". Estas gatas están cada dous por tres en celo... Acaricio un pouco a Hedra asegurándome de que non me bota nin a pata nin a boca, mentres a parella do ano se prepara. Abandonamos a cova e 2 morcegos recíbennos na rúa. Non podo evitar facer un chiste co Macho Alpha, a quen lle fixen unha foto o pasado sábado mentres xacía no leito, e na que semellaba o Moderno Nosferatu. Imos tomar algo nun bar próximo. Mentres o Macha Alpha fala a uns metros por teléfono coa súa mami, Zorra del Infierno apoia a miña tese do parecido con Nosferatu.
Macho Alpha e máis eu mudamos de local mentres Zorra del Infierno decide voltar para se duchar. Mulleres...
Pasamos buscar a Zorra del Infierno e despois collemos o Batmóbil. Buscamos un lugar que sexa do agrado de Zorra del Infierno, que ten o capricho de tomar un chupito. Eu como son un obsexo e penso en verde pido unha birra. Agasánllanme unha pequena pancarta. Ho, eu quería a camisola para que fixese conxunto co meu bandullo cervexeiro. Collemos o Batmóbil ata unha festa organizada por uns amigos da Zorra del Infierno, que celebran a inauguración do seu neghosio.
Damos voltas cal Odisea na busca de aparcadoiro toleando para non entrar nunha rúa en dirección prohibida. Cando damos aparcado, a parella do ano comeza a rifar, para variar... Baixo do carro e póñome a buscar o sitio. Tivemos a sorte de aparcar xusto enfronte. Entramos, saudamos, amósannos o sitio e póñennos uns vasos de tinto na man. Bebo uns grolos e en seguida acabo pasándollo a Zorra del Infierno, non levo moi ben o tinto. Achégase unha rapaza bastante alegre, que nos fala milagres dun licor de café ao que lle botaron cacao. Pásanos un vaso con licor e xeo. La hostia en verso! Zorra del Infierno e máis eu pelexamos polo vaso.
Pechan o sitio e imos a un bareto de heavyrulillos. A do licor tivo a boa idea de traer consigo e botella metida nos pantalóns e tapala coa cazadora. Máis tarde, o dono do bar ve a botella e a moza ofrécelle botar uns grolos. El rexeita a súa proposición.
Marchamos para os coche con destino Moaña. Subimos no Batmóbil e esperamos a que Zorra del Infierno volte. Detrás dela vén a do licor que pousa o pandeiro enriba do capó, cal modelo de Playboy embriagada pola noite.
Brum, brum... O Macho Alpha fai soar o motor do carro como se se estivese a preparar para botar unha carreira. Pero tranquilos, que é un pouco cásper. Pedimos permiso á torre de control e despegamos no Batmóbil atravesando os túneles para tomar a autoestrada. Poñémonos á altura doutro coche no que vai a do licor. Os condutores bótanse miradas ameazantes botando por fóra poderío, mentres eu ensino nas miñas mans a botella decomisada. Pero todo é finxido.
Looking for the highway cruzamos a ría ata the Big Face Peninsula. Levaba varias reencarnacións sen pisar a zona. Vemos parte dos resultados da marbellización que están a sufrir as Rías Baixas. Patético...
Entramos nun garito e comezamos a pedir alcol. Damos bastante a nota no local, pois o licor de café con cacao ten as súas consecuencias... Rimos a esgalla vendo un grupiño de rapaciñas cándidas e sen vida, como se lles faltase un pouco de sal, que teñen unhas pallas con
pirolas en erección nas súas bebidas; despedida de solteira, pero vendo as súas caras, semellaba máis ben un pasamento. Aínda que, quen sabe... Ao mellor deixaran seco a un boy, ou... quedaran coas ganas de contrataren un (para cada unha...). A da botella tanga consegue unha palliña e acaba mordendo a pirola con grande vehemencia. A pobre é que necesita pinar con urxencia, que di que pasa moita fame ultimamente.
Prodúcese un amago de intercambio de roupa entre o Macho Alpha e outro mozo. Un acto de caridade para coas da despedida? Pouco despois saímos do bar. A do licor pousa o pandeiro enriba doutro coche, quita os zapatos e amósanos o seu "par" de calcetíns. Marchamos a un pub. Polo camiño fágolle unha proposición indecente a Zorra del Infierno. Acepta encantada pola sorpresa. Botamos un dánsing pola rúa a modo de tango improvisado. Malia miña inexperiencia, Zorra del Infierno louba os meus dotes de bailarín, mentres eu mexo co riso ante ese comentario. Chegamos a un pub ateigado de xente, onde poñen música rock, ska, etc. O meu rádar acciónase e comezo a escanear.
Proseguimos rendindo culto dionisiaco, e eu, no meu caso á crema de orujo.
Alí cae rendida a do licor despois de tanto beber e beber. Así que collen e a levan durmir. Nós agardamos a que volten os que a acompañan.
Despois cambiamos de pub e acabamos nun sitio un chisco hortera con música, ehem...
A noite remata despedíndonos na estrada, despois de contemplar como case todo o grupo fai unha omelette humana uns enriba doutros na acera.
Ao chegar á casa teño un antollo. Decido dar de comer ás miñas tripas e preparo un sándwich de surimi con maionesa.

No comments: