Monday, November 27, 2006

Skændinäviskå Ðesign



12-11-06.

Despois de ter ido adiando, por falta de tempo e ganas, a visita a unha exposición de deseño escandinavo, organizada en primicia só para Vigo e A Coruña, pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Banco Pastor, e o Consello Nórdico de Ministros; consigo convencer á MERCURIO para que me acompañe vela.
Hoxe en día, a maioría de nós ten xa algunhas ideas preestablecidas sobre o deseño escandinavo a través do cinema, a publicidade, a música, e as escapadas en grupos de shopaholics co mono a IKEA.
Pouco tempo antes desta visita, oíra na tele que eses utensilios nos que botamos os spaghetti despois de cocelos, para deixar que escorregue a auga, pois resulta que son deseño escandinavo; de Finlandia, en concreto.
Na exposición flipamos aínda un cacho con algúns singulares obxectos que alí se exhibían.
Na planta baixa atopamos un cubo no que se podía entrar despois de un se descalzar; no interior, a construción cobraba estrañas formas forradas en tea de diferentes cores segundo a sección. Algunhas formas no chan semellaban asentos. Algún freak que debeu de pretender trasladar as casas de xogo para nenos do Ikea ao mundo dos adultos...
Despois de abandonarmos o chillout lounge sen música, subimos aos andares superiores. Polo camiño, nas escadas, atopámonos cunhas pequenas árbores chantadas enriba de mesas. As árbores son de cor branca, mais coa suave iluminación cambiante, semellan unha paisaxe á luz da aurorea boreal en miniatura.
Entro nun dos baños. Comprobo que os baños caros e de deseño poden resultar moi fríos e, incluso claustrofóbicos.
Atopamos orixinais modelos de cadeiras, sofás, pufs; feitos en plástico, madeira, tapizados, etc. O máis chamativo, o sofá alfombra voadora, con patas metálicas, mostra de ata que punto pode afectar o freakismo.
As lámpadas da colección resultan unha aberración á vista e ao bo gusto. Só se salvan unha lámpada rectangular de papel e un flexo metálico de cor negra, tan vulgar. Botamos en falla as lámpadas globo de papel que comercializa IKEA.
A moda, baseándonos nos deseños que alí se mostraban, non é o forte dos escandinavos; un conxunto de saia, chaqueta e gorro de la con motivos de folerpas; un vestido en verde radiactivo con estampado de floripondios brancos, con sombreiro da mesma tea; supostamente iso era un traxe de noite para o verán, pero eu persoalmente imaxinábame máis ben a unha nórdica levándoo, queimada polo sol nalgunha praia do Mediterráneo, quizabes na Costa Brava. O único que nos pareceu interesante foi un vestido feito cunha chea de gravatas de moitas cores.
Tamén había pulseiras, reloxos, e colares; feitos de prata, papel, etc.
Algo que nos chamou a atención foi descubrir que os míticos dispensadores de quenda dos supers, son en realidade deseño sueco.
Á mesa, os escandinavos é, quizais, onde máis minimalistas son; cuncas, pratos, bandexas e vasos tan sobrios, que un quedaría durmido mentres come. Algunhas vaixelas son dos anos 60 ou 70... Cobertos de prata con formas cadradas, ideais para vingarse da sogra.
O clímax do minimalismo chega cuns pratos e bandexas brancos, de formas cadradas, de clara inspiración xaponesa. O máis "in", un set para picnic; con pezas de vaixela branca e paíños de madeira para comer sushi de salmón noruegués.
A merenda tamén estaba presente con teteiras e xogos de té, tamén bastante aborrecidos; había un xogo con algo que semellaba como vimbio, apuntaba claramente cara unha represión sexual, unha peza de Dinamarca.
Ademais, unha xerra da compañía SAS, tan rara e escura que metía medo.
Entre as cousas comúns; un traxe de salvamento marítimo de Noruega, un marcapasos de deseño sueco fabricado por Siemens, móbiles de NOKIA e SonyEricsson, e uns tocadiscos.
O mundo dos nenos estaba tamén presente; un enorme patín vermello con enormes rodas de Noruega, uns anticuados xoguetes de LEGO, un mono de madeira con membros articulados de Dinamarca; e, sen ser para nenos, pero cun toque un chisco infantil, un grupo de pequenos cabalos de madeira de varias cores; un cun píercing nunha orella e as patas tatuadas.
O deseño gráfico esta dominado polos islandeses; con carteis publicitarios e portadas de CDs.
Á parte dos móbiles, tamén había un modelo de teléfono, dispoñible en varias cores, cun toque retro, facilmente identificable con algunha peli sueca do ano da polca.
Para rematar, a cerámica e o vidro. Dentro da decencia, unhas botas de cerámica branca con debuxos azuis e unha mazá enorme de cristal.
No bando inmoral, unha bóla de vidro con escenas sexuais e violentas implícitas no interior, de Suecia; e, para acadar o orgasmo, nada como un consolador de cerámica branca con motivos vexetais en azul. O tamaño era aceptable, pero demasiado delgado para o meu gusto.
Interiormente quedamos pensando na sensación tan chunga que ten que ser meter un obxecto dese material e frío...

2 comments:

Anonymous said...

Olá Arroaz!

Todo ben por acá, aínda que tenho que pasarme polo Ikea para mercarme cousas para o cuarto e se cadra algún agasallo de Nadal (se é que ó final volvo de vacacións)

Que saibas que non todo o desenho nórdico é frío, e que moitas pezas poden parecer frías nun museo... de feito, o que se pretende nunha casa nórdca é que as cousas sexan prácticas e confortables... hyggelige :-)

Seguimos en contacto

Koss&Bless

arroaz (Tursiops truncatus) said...

Xa, xa o sei. Non digo que todo o deseño escandinavo sexa frío, en absoluto, só estaba a rir dalgunhas cousas que tiñan alí. Como tamén o teño feito das exposicións do MARCO.
De feito, a min gústame o deseño escandinavo. Iría ao IKEA se aquí houbese un. Que por certo, van abrir un na Coruña, e queren abrir outro na área metropolitana de Vigo, cando atopen terreos libres... Alghún día.
Uhmmm... Esa palabra xa a lera nalgún sitio.
http://de.wikipedia.org/wiki/Hyggelig
En alemán, máis ou menos para dicir iso, empregan moito "gemütlich".
"Wir sind gemütlich hier".
En canto ao da "practicidade"(?), diría que é unha característica dos xermánicos.
Pero... Estiven a pensar sobre o de que o minimalismo escandinavo deriva da natureza. Penso que tamén puido ter influído nel algo a austeridade do luteranismo.
Enfin, alégrome de que acordases da túa hibernación.
Hahaha.
:D
Küsse und Grüße!