Tuesday, May 17, 2005

Día das letras galegas 2005


dominó

Co gallo das Letras Galegas celébranse en Vigo distintos actos. Pola mañá abríronse postos con libros na Rúa de Príncipe. Os museos da cidade deciden adiantar o Día Internacional do Museo, e teñen xornada de portas abertas con diversas actividades.
Eu decido achegarme pola tarde ao
MARCO. Ao chegar a Príncipe pódese observar o dominó que están a construír os traballadores do MARCO cos debuxos que fan os nenos pequenos sentados fronte ás escadas da entrada. Entro ao museo by the face.
Primeira parada, o
Aquófono. Un interesante trebello feito a partir de bolsas de soro con pingueiro cheas de auga que caen enriba duns pequenos aparellos electrónicos emitindo sons musicais que varían en función da cantidade de pingas que se deixen caer, etc... Resulta moi agradable ao oído. Coma un xogo de nenos. É máis, aos visitantes permíteselles a interacción co instrumento e a auga, sós ou en grupo.
(Chamaraos Björk para o seu próximo disco?)
Despois vexo unha exposición de fotos da coleción de Telefónica. Con algunhas quedas pensando, "vale, iso tamén o podería ter feito eu cunha cámara en condicións"; hai retratos, paisaxes urbanas e naturais (ás veces coa presenza da man-aza do ser humano). Hai un conxunto de fotos tituladas algo así coma "Cowboys and girlfriends", dá unha visión... ehem... bastante machista da realidade... como que os vaqueiros van vestidos, montando coma machos nos seus cabalos, mentres que as noivas van de putóns sobre rodas (montando motos) e ensinando... case todo. Outras fotos fanme pensar en realidades pasadas que fican en min coma lembranzas de algo que semella unha vida anterior. Sen dúbida, as fotos que máis me gustaron foron unhas paisaxes, que ao velas, o meu cerebro relacionou instintivamente con Islandia; negros desertos de pedra, ceos infinitos con nubes que amosan toda a gama posible de grises e brancos posibles, montañas negras coroadas por neves inmaculadas. Ao saír miro na entrada o nome do fotógrafo, Olafur Eliasson, un danés. Non atopo o nome do(s) lugar(es) onde se tiraron as fotos, só "paisaxes nórdicas".
Con todas penso que a xente só toma o Día das Letras Galegas coma un día festivo para non ir ao traballo. A xente pasa absolutamente de todo. E atopo que unha culpa moi grande é a falta de promoción e organización de eventos por parte do goberno. Pero enfin... a quen sorprende isto?

No comments: