Friday, December 24, 2004

Nancee Alcaldesa

"Acabo de mudar de idea no que quero recibir este Nadal, e que sei que hei recibir, porque sempre son moi boa.
Antes cría que, tendo un bolso deses que están tanto de moda cunha boneca gordecha e que poñen "Putta. Fucking Love", sería o mellor para chegar a ser esa rapaza popular e moderna que devezo por ser na escola.
Pero decateime de que iso é demasiado vulgar. Necesito algo que teña máis glamour. Nada con máis glamour ca unha boneca elegante e moderna, á vez; vínculo entre as miñas fantasías e a vida real en sociedade.
Pero que boneca elixir?
Ao primeiro veume á mente a idea da muller perfecta; loura con ollos azuis, alta e esvelta. Barby. Mais é tan perfecta, e con tan poucas curvas, que coido que non está nada vencellada coa realidade.
Entón optei pola Nancee; loura, alta, e con máis curvas.
Sería unha muller ambiciosa. Mesmo podería chegar a ser Nancee Alcaldesa (cun notable número de vestidos elegantes e modernos de falsas marcas con cadanseu xogo de xeonlleiras; maquillaxe para facerme máis nova cando xa vaia vella e , por suposto, tintura dabondo para os meus cabelos louros claros cor polo de granxa.
Sería tan boa alcaldesa que todo o mundo na miña cidade me aclamaría.
Si. E en Noiteboa sería tan caritativa, que convidaría na miña amada vila a un grupo de pobres toxicómanos a sentar en fermosos bancos de madeira á mesa; tamén virían esas boas xentes que para poder vivir, venden honradamente os seus produtos na rúa baixo a inclemencia do tempo, e que sofren a competencia desleal e atroz de feras compañías multinacionais;e , por suposto, non poderían faltar eses pobres desgrazados que, co inxusta que é a vida, quedaron sen un teito baixo o cal poder durmir.
Nestas datas hai que ser xeneroso. Por iso, convidaríaos a unha suculenta e exquisita cea composta por; canapés de salmón afumado, xamón ibérico, lombo; lagostinos, percebes, lagosta, e o pavo. Todo isto regado con todo o cava que for necesario para saciar a súa sede.
Despois habiamos cantar panxoliñas en galego; e logo, levaríaos comigo na miña limousine. Levaríaos dando un pequeno paseo pola marabillosa costa coa que Deus nos agasallou. De camiño, parariamos uns minutos, para así poderme reunir coas representantes sindicais desas obreiras privadas de seguridade social, que malia ser unhas mulleres que teñen que traballar duramente e en condicións bastante desagradables, saben como preservar un aspecto bo e ata sexy.
Correndo, chegariamos a tempo de oír a Misa do Galo no templo máis importante da cidade.
E unha última razón para que me agasallen esta boneca é que, con ela non me pelexaría máis co meu irmán, pois Nancee e T-Rex, o xoguete preferido do meu irmán, manteñen moi boas relacións."

1 comment:

Anonymous said...

mandallo a Corina :D