Thursday, August 17, 2006

Birthday in Porto



Logo de andar a darlle pena á xente para que alguén me acompañase a Porto á Marcha do Orgulho, e de que todo o mundo me dixese que nanai, dou convencido a MERCURIO para que viaxe comigo.

Saímos ás nove da mañá da estación de autobuses de Vigo. En menos de media hora estamos en territorio portugués.

Deixada xa Valença do Minho atrás, chégame unha mensaxe SMS de longa distanza (2630km), dándome os parabéns e desexos de felicidade polo meu aniversario.

En dúas horas arribamos no Porto. Damos voltas polas rúas na procura da Câmara Municipal do Porto e entramos nunha oficina de turismo. Por que algúns portugueses teñen a teima de falarche en castelán cando ti lles estás a falar en galego empregando palabras portuguesas para unha mellor comprensión?!

Marabillámonos coas escenas en azulexo da Estação de São Bento.

Cruzamos ata Vila Nova de Gaia flipando pola ponte Dom Luis I. A altura e a paisaxe resultan moi impactantes. Espectacular a brétema que envolve unha ponte Douro abaixo, supoño que preto xa do océano.

A baixada ata a beira de Vila Nova é toda unha aventura por unha costa empedrada chea de socavóns, onde nos dixeran que había escadas... Quedamos de pedra ao ver un coche baixando a devandita rúa.

Na fermosa beira abórdannos en reiteradas ocasións para que fagamos unha viaxe polo Douro e para que visitemos as adegas do viño do Porto.

Conservo un folleto dunha das adegas, que me deixou finado ao atopar, estupefacto; erros en portugués, español, inglés, alemán; e aínda que o meu francés non dá para moito, a versión artificial que se daba, semellaba ter sido artellada cun xogo de quimicefa para afeccionados. Algúns dos erros que atopei son incribles; aínda mexo co riso só de pensar na tradución de Porto (ollo á maiúscula!) coma Puerto na versión española. Dende logo, había que darlle un premio ao prof que se encargou da(s) tradución(s).

Na beira atopamos postos de venda de pan e doces. Non podo resistirme a mercar uns de gorentosos doces de coco.

Voltamos a Porto pola parte baixa da ponte. Paseamos pola beira, contemplando as casas antigas. A MERCURIO lémbralle un chisco ao porto do Berbés.

Camiñamos polo casco vello cara ao norte. Entramos nun café onde parolamos un cacho.

Crebamos a cabeza tentando mercar uns billetes de metro. Xa podían ter ideado uns paneis máis claros e unha demarcación por zonas máis sinxela. Chámanos a atención ver que o túnel polo que viaxa o metro está en pendente, costa arriba ou abaixo, en función do destino. Eu lera que nalgúns lugares existían túneles en pendente, pero nunca o tería imaxinado así. Encantounos viaxar no super metro do Porto.

Chegamos á estación preto da cal parte a marcha. Coas ganas de mexar, e xa que non nos apetece pedirlle a chave dos baños da estación ao vixilante, entramos nunha pastelaría, onde me deleito cun Lipton Ice ao mango ( a ver cando o sacan aquí tamén...).

Advertimos algunhas mozas e un par de mozos na terraza da pastelaría con pancartas. Damos por suposto que van á marcha, así que decidimos seguilos ao lonxe.

Chegamos a un pequeno parque, nunha praza, ao carón do cal hai algunhas persoas concentradas, e bastantes policías. Sentimos desconfianza, e preferimos observar dende o parque, un tanto afastados. Notamos tensión. Ao pouco pasan ao noso lado unha banda duns cinco garrulos cun aspecto de porcos bébedos. Un deles leva unha bufanda da selección portuguesa de fútbol (omnipresente a bandeira en todo o norte de Portugal o día da nosa viaxe) ao redor do seu bandullo de cocho. Bauer!, que dirían en Alemaña. A manda de mandrís ponse a esbardallar e insultar ao persoal diante das cámaras da televisión ("?u?u?u"). Ata eles achégase un grupo de xitanas, despois de agocharen as súas bolsas tras uns matos, que se poñen a latricar, sen vir ao caso, diante das cámaras. O que dirían non o sabemos.

A marcha comeza a desprazarse controlada pola policía. O grupo de simios mentalmente eivados segue a marcha con pinta de buscar camorra. Seguimos a marcha de vagar, observando como descorre.

A marcha ten pouco do carácter festivo a carnaval das típicas marchas que transcorren na maioría de países civilizados do continente europeo. É unha manifestación que clama o cesamento da violencia, e que ten lugar por primeira vez no Porto, meses despois de que tivese lugar o asasinato dunha persoa transxénero a mans duns rapaces.

Pasada media hora abandonamos a manifestación e damos un rápido paseo por unha rúa peonil, facendo unha breve visita á FNAC, onde despois de problemas de indecisión, acabo adquirindo un barato exemplar de Frankenstein by Mary Shelley. Sublime!

Chegamos en metro a Campanhã, estresados porque queda pouco para que saia o comboio para Vigo. Moi clarificadores os paneis... Cando damos chegado aos andéns, pregunto a un traballador, en galego, onde mercar os billetes. Resposta en portugués, mais cando nos pregunta a onde viaxamos e dicimos Vigo, o tipo comeza a falar en inglés ante ao noso asombro. Ais... Isto de vivir mutuamente de costas...

Un pracer a viaxe en tren polas fermosas paisaxes da costa norte de Portugal.

PS. Tamén gozamos coas interesantes paisaxes XY. :=)

No comments: