Thursday, August 17, 2006

Centrifugado


Quedo coa Tijeritas. Vénme buscar no seu Toñito para irmos tomar algo nun pub ao aire libre na praia dos Olmos. Ao chegarmos aló, vemos que está todo petado, así que marchamos para Bouzas, onde se celebra a festa do Carme.
Despois de dar atopado un oco onde aparcar, damos unha pateada ata a festa. Damos unha volta vendo os postos e as atraccións.
Montamos nunha plataforma que se ergue sobre uns brazos mecánicos, situados nos laterais. Protexidos baixo un protector amarelo colocado sobre o peito e máis por unhas barras de seguridade, o trebello do diaño comeza a moverse, mecendo as nosas guedellas ao vento; adiante, cara atrás, ao redor dun lado e do outro. As bólas póñensenos de gravata. Algo que daba a impresión de ser inofensivo, dá pavor. Supoño que para producir unha maior sensación, o protector do peito non é totalmente ríxido, co cal un se despraza lixeiramente cara fóra, fai que agarres máis forte a barra de seguridade e que che treman as pernas. Por veces pecho os ollos para non ver o chan sobre o que rodamos pendurados naquela lavadora endemoñada.
Baixamos dando tombos, coma se estivesemos peneques e co sangue frío.

No comments: